Blog

Ela / Lúa chea

Ela

Esa noite a lúa recordaba un diamante nun océano de luces. Ela estaba tan fermosa coma sempre. Vivía na casa do lado e eu coñecíaa desde os tres anos, pero nunca cansei de ver o seu sorriso. E podía que aquela fose a última vez. Levaba tempo planeando marchar da cidade, pero non estaba de todo convencido. Funme deitar. Estaba canso, pode que ata extenuado. Por iso non me dei de conta cando ela foi á ventá para ver coma eu me ía. O corazón latíame con moita intensidade pola mañá: hoxe era o día. Descolguei a roupa de todos os sitios posibles. Sentinme mal por toda a xente que deixaba atrás, sobre todo por ela. Queríalle preguntar algo desde había tempo, pero aínda non estaba seguro; desexaba preguntarllo, ter valor, pero non era capaz. Collíno bus, un bus vello e escangallado. Ela xa debeu ler a nota que lle deixara porque foi correndo detrás do bus ata a seguinte parada. Saín, pero non sabía que dicir nese momento. Paseamos calados, coma nun enterro, pola rúa e chegamos ata o parque, que estaba baleiro. Sentamos na nosa árbore favorita mentres a brétema de silencio se disipaba. Por fin ía botalo fóra:

–Ánxela, eu… síntoo moito…

De repente, algo me interrompeu: estaban chamando por min. Esperto, non o cría, todo fora un soño, pero… parecía tan real…

Entón vina, era ela desde a súa casa. Dicíame: "Eu tamén o sinto".

Aora Casás Paz

CEIP San Roque de Darbo (Cangas)


Lúa chea

Era unha noite escura e fría, había lúa chea e o son dun moucho acompañado do ouvear dun lobo interrompeu o silencio da noite. Neses intres arrepentinme de quedar co grupo do pobo para pedir truco ou trato, pero xa non había volta atrás.

Eu ía disfrazada de caveira, pero a maioría dos meus amigos estaban cheos de sangue ficticia, golpes e dentadas falsas. Iamos polo camiño e cruzamos o cemiterio para poder chegar ao pobo seguinte cando un ruído nos fixo frear en seco. Non sabiamos o que era, pero tampouco queriamos sabelo. Esta vez soaba máis coma un pranto de desesperación, así que atravesamos rapidamente o sitio onde durmían os mortos. No fondo distinguíase unha casa grande e vella. Retamos a Xoán a timbrar, pero ninguén respondía aínda que a luz estaba acesa. Decidimos volver á casa xa que era tarde, pero ao día seguinte volvemos polo cemiterio e tentamos atopar pistas, a ver se conseguiamos descubrir de onde proviña o pranto.

Pero o único que atopamos foron cristais rotos coa foto dunha muller. O corpo comezounos a tremer, tiñamos un medo terrible. Xa se nos fixera mediodía e cada un foi comer á súa casa. Acordamos vernos pola noite no mesmo sitio.

Esta vez non nos disfrazamos para pasar máis desapercibidos. Facía un vento moi forte, as árbores ían dun lado a outro e foi entón cando escoitamos: "SOCORRO!". Botamos a correr cara ao lugar do que proviña o berro para auxiliar a persoa que pedía axuda. Pasiño a pasiño chegamos ao lugar que queriamos. A suposta vítima dixo: "CORTEN!".

Só era a película especial de Halloween e estábana a rodar alí. Entón, os seis dixemos a coro:

–Tanto medo, tanta investigación... para nada!

Marta Cortegoso Pereira

CEP Riomaior (Vilaboa)

Comentarios