de actualidad
Marine Le Pen Marine Le Pen
O voo da curuxa

Grupo Doxa de Filosofía

Votacion: 
5 (8 votos)

Tormentas, silencio e música

PARA ENSINAR o verdadeiro, dicía Lichtenberg, hai que usar a linguaxe do falso, se cadra porque non hai outro. Lichtenberg, profesor de física que daba clases de costas á pizarra para ocultar unha chepa que seguramente lle procurou un temperamento sarcástico, foi autor da colección de aforismos máis luminosa dos tempos modernos e, según conta Enrique Vila Matas (Dietario voluble), era experto en tormentas e pararraios, de feito contribuiu ao primeiro pararraios de Alemaña, e tamén introduciu alí o costume de ir aos balnearios.

Eran tempos de Ilustración, pero dentro dela hai todo un mundo de pliegues e sombras. Aí está tamén o abate Dinouart, autor dunha "arte de calar" que deberían ler publicistas, políticos e blogueros, na que se defende a práctica do silencio dun xeito que non se opón á precisión da linguaxe, ao contrario, é a súa condición. O oposto ao silencio é o ruido, un medio no que proliferan o dominio e a violencia, mentres que palabra e silencio están do lado da escoita e da acollida, da mediación que é propia do diálogo.

Dicía Deleuze que o problema non era tanto expresarse, cousa que hoxe se fai a todas horas, como ter algo que dicir, e para iso é preciso dispoñer dun certo silencio que se antolla difícil nas condicións dun medio social sobreexposto. Evítase o silencio porque procura reflexión, para rehuir a decepción das expectativas constantes, por medo a atoparse a solas cun mesmo. Dinouart destacaba tamén a intensidade que procura: "A alegría, o amor, a cólera e a esperanza causan máis impresión grazas ao silencio que os acompaña que mediante palabras inútiles que só sirven para debilitalos". O importante aquí é se as palabras son útiles, se sirven para balizar, destacar e comprender a experiencia, ou se pola contra son ruido que confunde, illa e nos deixa inermes á imposición do que máis berra ou ten máis poder para impoñer as súas palabras.

O silencio tamén pode ser útil cando sirve para ver mellor e afinar os sentidos, ata facer "como si os ollos fosen o oído e o oído os ollos" (Josep María Esquirol, La resistencia íntima). O profesor Esquirol elabora unha metafísica da proximidade pero esta non está dada sen máis, non é o inmediato anterior á reflexión senón un produto dela, porque o humano non pode deixar de saír do próximo, de abandonar a súa casa, e só despois ten sentido o retorno. A reflexión é unha modalidade do retorno, e a filosofía, dicía o poeta Novalis, é a nostalxia de estar na casa.

É o retorno a Ítaca, o buzo que regresa á superficie cos ollos inxectados en sangue, como as baleas que entusiasmaban a Melville, ollos que escoitaron o silencio abisal e teñen outra mirada. A filosofía é esa outra mirada. Tamén un refuxio ao que volver, onde atopamos amparo e soa a música que, mentres dura, protexe do caos, como o retrouso que tranquiliza a un neno na turbulencia da noite.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.