Blog | Quitamerendas

'Salvador': teatro verité

O pontevedrés Borja Fernández leva ao escenario a peripecia vital do seu avo paterno

O avó de Borja Fernández (Salcedo, Pontevedra, 1977), Benito Fernandes Meirinho, emigrou a Brasil a mediados dos século pasado. Nunca regresou nin volveu manter contacto coa súa familia galega. Ao outro lado do Atlántico iniciou unha nova vida. Aquí ficou convertido nunha pantasma. É un exemplo do que o xornalista Alberto Ramos (praza.gal) chama, nunha entrevista co propio Borja Fernández, "emigración do abandono", que sería aquela que rachaba co pasado galego de xeito drástico e contundente. Esa historia persoal real do actor e dramaturgo, vinculado dende 2002 ao grupo Chévere, serviulle para compoñer unha montaxe teatral, ‘Salvador’, que estreou hai uns días en Vigo e que agora representa en Santiago de Compostela (Salón Teatro, 21.00 horas, hoxe, última función, abanca.com). Despois tamén se poderá ver en Teo (16 e 17 de xuño, A Ramallosa).

"Benito Fernandes é o meu avó paterno e o tipo arredor do que xira todo este proxecto escénico que mestura un traballo documental con ficción", conta Borja Fernández. "Emigrou no ano 1959 a Brasil e desapareceu. Ese é o detonante desta historia na que se propón unha reflexión sobre como as decisións que se toman modifican o transcorrer dos acontecementos, como o pasado afecta ao presente e, neste caso, concretamente a min". Ao pontevedrés, a historia do seu avó non lle afectou só de xeito profesional, senón tamén persoal, porque seguindo o seu rastro marchou a Brasil para atoparse con outra familia daquel lado do mar. Sen embargo, isto non é un relato haxiográfico nin unha homenaxe. "Para nada. Isto é unha visión persoal dunha historia e por iso está contada en primeira persoa".

Por iso é que tamén Borja Fernández acaba mesturando ficción e non ficción. "Todo está baseado en feitos reais. É dicir, non conto nada que non pasara. Pero á hora de reconstruír a historia hai datos que me é imposible recuperar e que teño que deducir", di. O primeiro: por que un home que comenta na casa que marcha arranxar un negocio a Barcelona colle un barco en Vigo rumbo a Brasil para non regresar. Podería ter saído un drama, pero non. Salvador é unha historia salpicada polo humor. "Neste caso, ás veces trátase de humor negro ou sarcástico, outras é pura comedia". Colócase cara a cara co espectador e cóntalle a súa historia. "Non hai máis personaxes. Son eu o que conto todo isto. Aínda que me rodeei de colaboradores moi importantes". Entre eles está Laura Iturralde, responsable de todo o traballo audiovisual, "que está comigo en escena". Na investigación levada adiante por Fernández, nótase o licenciado en Historia da Arte que é. "A procura de datos é unha manía que teño, si". Poñamos por caso o título da obra, que fai referencia á capital de Bahía, o lugar ao que emigrou o seu avó. "Ao longo da miña investigación descubrín que xusto a esta parte do Brasil foi á que máis galegos emigraron. Cando comecei a profundizar atopei me con que fundamentalmente eran do sur de Galicia. De catro aldeas de Ourense máis que de ningún outro sitio. Dunha delas, de Pazos, era orixinario Benito Fernandes". A procura de información sobre esta colonia galega no Brasil, levou ao dramaturgo a entrevistarse con moitos dos emigrantes galegos de maior idade, que aínda viven alí, para que lle falasen da súa experiencia e poder recreala coa maior fidelidade posible. "Por iso digo que tratei de aproximar o que sería un traballo documental á escena, por suposto, ofrecendo un resultado final dixerible e entretido". Teatro verité.

"Agora mesmo estou nun momento no que me interesa buscar a verdade a través do teatro"

A obra xorde a partir dunha serie de residencias artísticas de Borja Fernández en Galicia e en Brasil. "En realidade todo comezou cando un dos fillos brasileiros do meu avó deu comigo en Facebook". Hai seis anos. "A partir de aí comecei a interesarme polo que fora a vida deste home", explica. "O proxecto comezou a xestarse en serio en 2015, o mesmo ano no que puiden actuar nun festival de Rio de Janeiro. Nesa primeira viaxe acabei facendo 4.000 kilómetros ao norte para coñecer a esa outra familia que teño alá", conta o autor de Salvador, que preparou a montaxe a través de varias residencias artísticas. Unha delas foi unha das cinco que se concederon en España dentro de Iberescena. A outra, no espazo Luna Lunera de Belo Horizonte (Brasil). Finalmente, houbo unha máis no Centro Dramático Galego (CDG). E en todo este entramado de circunstancias que levaron Salvador ao escenario tamén entrou Chévere. En concreto, A Berberecheira, proxecto titorizado pola compañía galega, da que naceu a produción Goldi libre e a través da que agora chega a montaxe de Fernández. "Fixéronme un seguimento artístico da peza que foi moi importante", di o actor. "Admiro moito a Chévere. Teño moita sorte de seguir traballando con eles".

E é que o concepto da escena contemporánea que ten a compañía nacida na Sala Nasa ten moito que ver co de Borja Fernández. "Agora mesmo estou nun punto no que me interesa a búsqueda da verdade a través do teatro. Estame gustando moito traballar dende a investigación documental. Non quero dicir que non me guste a ficción, porque me parece fantástica e sigo traballando con ela sobre todos en proxectos alleos, pero eu estou buscando agora outra cousa", indica. "O que me gustaría é que se apostase máis polo teatro contemporáneo en Galicia. Sempre parece que hai complicacións ou medos. Non pode ser. Porque as cousas están sucendendo agora e hai que estar aí".

Comentarios