Blog | Quitamerendas

Cancións que son mantras

O músico Ángel Pardal, afincado en Pontevedra, debuta co disco 'Coriqui'

"CADA CANCIÓN é como un mantra", di Ángel Pardal (Padrón, 1985). O músico, afincado en Pontevedra, vén de publicar o seu primeiro disco, Coriqui, un traballo de música electrónica "que bebe tanto da música tradicional galega como da cumbia", co seu alter ego musical Pandoé. "Cando estaba no colexio tiñamos un exercicio na clase de inglés que consistía en cartearse con rapaces doutras partes do mundo. A min tocoume un de Tailandia, que se trabucou co meu apelido e me rebautizou como Pandoé. Os amigos fixéronme moitas bromas con aquela deformación. A min gustoume a sonoridade da palabra e fíxena miña. Pareceume moi bonito recoller esa anécdota". É un detalle íntimo máis dun traballo que Pardal asegura que é de carácter absolutamente persoal, no que se involucrou ao completo, dende na composición ao deseño ou a imaxe.

Outro detalle íntimo do disco é a portada. Na súa páxina de Facebook, o músico contou de onde saíu a imaxe: "En uno de mis paseos dominicales por el rastro de Pontevedra encontré tirado, literalmente, un negativo 6x6. O él me encontró a mí. Lo cierto es que llevaba días dándole vueltas a la portada de Coriqui y la portada apareció sola", escribiu na rede social. "Una imagen que habla el mismo lenguaje que Pandoé. Una escena de otro tiempo donde dos mujeres se abrazan sonrientes junto al mar. El aire de frente y el sol en la espalda. Ajenas a lo que ocurre a su alrededor, nada ni nadie corrompe su momento. Su preciosa e intensa vibración las han traído hasta mis manos. Y es que la gente que vibra en la misma frecuencia acaba por conectar de una forma u otra, a través del tiempo o el espacio, con un negativo o un corazón tallado en un árbol".

Fotógrafo e realizador de vídeos, que se move profesionalmente no sector da imaxe, Ángel Pardal pasou pola facultade de Belas Artes de Pontevedra. "Foi así que cheguei á cidade", conta. "Aínda que despois, finalmente, non acabei a carreira. Cursei dous anos e deixeina". Seguiu cun ciclo superior de fotografía e cun máster en posprodución, antes de comezar a traballar.

Ao mesmo tempo, Pardal foi desenvolvendo unha carreira musical. "Case dende a adolescencia estiven metido en diferentes grupos. Empecei no mundo do rap, escribindo moito. Despois paseime á batería e estiven en bandas de estilos moi diversos". Tocou con Álex Casanova, con Yoplay e con Músculo! "Hai un par de anos decidín deixar estas formacións", conta. "Sufrín un parón creativo, que me veu moi ben porque me serviu para decatarme de que o que quería era iniciar unha carreira en solitario, sacar adiante un proxecto propio sen necesidade de compartilo con ninguén, vaia. Cando estás nun grupo, achegas o teu gran de area, pero é moi difícil que o resultado final te represente ao cento por cento. E iso é o que eu buscaba nese momento: facer algo que fose absolutamente meu".

Naceu Pandoé. En outubro do ano pasado publicou catro temas nun EP, Sintética. Natural. O debut discográfico oficial chegou en abril con Coriqui. "En Pandoé o vehículo para transmitir é a electrónica. Pero hai moito máis ca iso. É unha electrónica chea de referencias. Quero dicir que non fago música de club, desa que simplemente busca facer bailar, senón algo máis complexo". Coriqui, "unha palabra de orixe xaponesa que fai referencia á felicidade no ámbito do reiki e da medicina alternativa", reúne unha Autorretrato de Ángel Pardal e, por enriba, portada do seu primeiro disco. serie de temas compostos "nun momento de crecemento persoal e de aprendizaxe, algo que se nota moito nas cancións, que acabaron sendo como mantras para min". Pardal conta que cada tema agocha un descubrimento ou unha aprendizaxe. "Todas teñen un significado particular. Nas que teñen letra é algo máis explícito. Nas outras menos". As letras para el non son imprescindibles. "Nalgún dos temas hai apenas uns tarareos. Non, non son imprescindibles, pero neste proxecto apetecíame que estivesen aí porque tamén quería cantar. Era algo que non puidera facer ata o de agora e que quería probar".

O pasado 12 de maio, Pandoé presentouse por primeira vez en directo. Fíxoo, acompañado por Emilio José, no Liceo Mutante de Pontevedra. "Foi a miña estrea e a verdade que saín moi contento tanto por como me sentín eu como por como foi a reacción do público. Así me gustaría que foran os meus espectáculos en directo". É dicir, shows moito máis íntimos que aos que estaba acostumado coas bandas nas que militou. "Penso que ten moito que ver co momento no que estás na vida. A música sempre foi algo moi importante para min, pero co paso do tempo foi cambiando o seu significado. Houbo un momento no que me axudou a sentirme realizado, houbo outro no que tiña que ver coa miña maneira de relacionarme e agora ten máis que ver cunha forma de autocoñecemento", conta o autor. "Nesta última forma de entender a música, o directo sería algo totalmente prescindible. Pero gústame facer concertos para compartir esta experiencia. Así que, cando suba ao escenario, quero que sexa así, desta maneira, mesmo a un horario pouco habitual. Tal e como me sinto agora mesmo non tería sentido tocar ás catro da mañá. Son ambientes que xa non me interesan. Prefiro tocar ás tres da tarde nun espazo onde haxa mesmo ata cativos".

Comentarios