Opinión

Feliz Día da Toalla

Por que friki do 'World of Warcraft' e non friki do Combo Dominicano? Como dicían as Maribolheras Precárias, raras somos todas 

ERA DOMINGO á hora da merenda-cea e viña de tender unha lavadora. De súpeto, bombas de palenque. Petardos. Foguetes de sete estralos. Pólvora a feixes. Non tiña noticia de festas patronais da contorna. Pregunteille á Cortana e díxome que todo indicaba que Pedro Sánchez sería o redivivo secretario xeral do PSOE e xa o entendín. Estaban a celebrar que a cazadora de coiro de cor camel de Pedro viña de xubilar a chaqueta de pana de Felipe (couza e balor).

Apenas uns segundos despois, Cortana contoume que o Real Madrid gañara a Liga de señores (unha máis, vaia) e decateime de que por moito amor que lle teña a familia socialista (ou do PSOE) de Lugo a Pedro Sánchez nada se lle pode comparar ás querencias futboleiras cando se trata de equipos aos que, por outra banda, se lles supón que algún tituliño teñen que gañar, aínda que sexa un triangular de solteiros contra casados e divorciados.

Vin as fotografías nas redes sociais. Nenos e adultos coas bufandas e as bandeiras. Cruceinos ao día seguinte pola rúa coas camisolas brancas coma a neve ou moradas coma o pendón (perdón) da Castela comuneira. Que ninguén se confunda nin veña aquí buscar xustificacións contra o futboleirismo en termos absolutos, que non é o sitio. Eu tamén teño celebrado glorias na Fonte do Rei, malia que as miñas cores non sexan branca e morada nin azul e granate.

A ninguén se lle ocorrería chamarlle becho raro a un seareiro dun equipo de fútbol nin tampouco aos breoganistas, eses veciños nosos tan tranquilos e educados que viven as últimas tempadas os play off en permanente estado de axitación e co corazón na gorxa -agora, en serio: hai desfibrilador no Pazo dos Deportes?-.

Teríame sido moi útil saberme unha 'nerd' nese tempo no que sentía que non pertencía a ningures

A min, que fixen a conta en Pottermore na primeirísima versión beta –todo son risos ata que o chapeu seleccionador te sortea en Slytherin–, que procuro 'fanfics' (relatos escritos por fans, para as non iniciadas) por internet porque non me dan chegado libros e capítulos novos das historias que me prestan, non me parece que isto sexa moito máis extravagante que saber de memoria que Paco Liaño naceu o 16 de novembro de 1964.

Este xoves, amais do Día do Orgulho Lusista e Reintegrata, é o Día do Orgullo Friki, unha celebración de pouco máis dunha década. O 25 de maio de 1977, hai 40 anos, George Lucas estreou a súa primeira entrega de A Guerra das Galaxias e por iso a escolla. A cita friki bebe doutras anteriores que tamén teñen o seu día grande nesta data sinalada. Tal día coma hoxe, os afeccionados ao Mundodisco de Terry Pratchett argallan o seu Magnífico 25 de Maio, mentres que os afectos á triloxía da Guía do autoestopista galáctico se entregan ao seu Día da Toalla.


"Unha toalla é un dos obxectos de maior utilidade que un autostopista interestelar pode levar. [...] Ten un gran valor práctico: serve para taparse e abrigarse mentres se atravesan as frías lúas de Xaglán Beta; para deitarse enriba nas fantásticas praias de area marmórea de Santraxinus V e respirar os embriagadores vapores do mar; para poñer por riba cando se dorme baixo as estrelas que brillan avermelladas no mundo desértico de Kakrafoo...", deixou escrito o autor británico de ciencia ficción Douglas Adams.

O coitado morreu dun ataque ao corazón o 11 de maio de 2001. Dúas semanas despois da lutuosa noticia, a grei de afeccionados á súa literatura decidiu botarse ás rúas cunha toalla sobre os ombreiros a xeito de homenaxe. A súa Guía do autoestopista galáctico nacera como unha radionovela para a BBC 4 en 1978, antes de se publicar en papel, e os seus personaxes foron algunha vez no Reino Unido tan populares coma os de Doutor Who ou de Harry Potter.

Por cousas que se me escapan, a tribo dos 'nerd' no ámbito cultural anglosaxón pasou ao castelán como 'friki', que sería unha adaptación fonética de 'freaky', un adxectivo que en inglés se emprega para as cousas ou as persoas raras e que mesmo meten medo. O dicionario da RAG aínda non se ten pronunciado.

Souben moi tarde que eu era unha 'nerd' (ou unha friki). Teríame sido moi útil a consciencia nese tempo no que sentía que non pertencía a ningures. Aínda así, teño a sensación que estamos a confundir isto da nerdallada ou do frikismo con ter (segundo que) afeccións. Por que friki de World of Warcraft e non friki do Combo Dominicano? Por que friki eurofán e non friki que garda rúa 48 horas por unha entrada para un concerto de Bruce Springsteen?

"Raras somos todas", dicía unha pintada das Maribolheras Precárias na Avenida de Lugo de Pontevedra. Nada máis que dicir.

Comentarios