Blog | Quitamerendas

Godard no plan de estudos

O festival Novos Cinemas achega a obra de directores como Guerin a alumnos de Secundaria

Coñecerán a Jean-Luc Godard. Fabricarán un zootropo. Verán películas sen efectos especiais. Descubrirán un cinema moi afastado de Transformers 5.

"Hai algo moi emocionante e moi forte no que é o traballo con rapaces", di o cineasta Ángel Santos. "Porque, a pesar de que esta xeración é a que ten acceso ao audiovisual dunha maneira máis bestial e promiscua, ao mesmo tempo, é a que menos educada está sobre as imaxes, entre outras cousas, debido á súa banalización". Por iso é tan importante enfrontalos con Godard, o home que dixo aquilo de que "o travelling é unha cuestión moral". "O importante é axudar a educar aos novos públicos que están, en xeral, moi afastados do cinema e máis aínda do cinema clásico, de certa análise e comprensión da imaxe. Era un paso que tiñamos que dar".

Ángel Santos é un dos directores do festival Novos Cinemas de Pontevedra, que se puxo en marcha o ano pasado. Os outros dous son o programador Suso Novás e o produtor Daniel Froiz. O pasado 4 de abril, Santos e Novás presentaron o programa formativo do festival para este ano, unha proposta ampliada que abrangue públicos de todas as idades, dende cativos a adultos pasando por estudantes universitarios, e que inclúe obradoiros como o que imparte Oliver Laxe no Campus ou as master class que ofrecerán distintos profesionais durante a celebración do certame cinematográfico (este ano, entre o 27 de xuño e o 2 de xullo).

Ao día seguinte da presentación, os dous directores de Novos Cinemas proxectaban no Teatro Principal a película En construcción, de José Luis Guerin, para alumnos dos IES Poio e Cacheiras (A Coruña). Facíano dentro do pograma Cined, unha iniciativa que Novos Cinemas incorporou á súa oferta educativa. "Cined é un proxecto educativo europeo, que retoma a idea dos cinefórum e engade o apoio dun material didáctico específico para que os centros poidan traballar antes e despois das proxeccións".

O apartado que máis medrou en Novos Cinemas, dende a edición de 2016 a esta, é precisamente a relacionada co ámbito escolar. Divídese en tres partes. Por unha banda está Cined. Por outra, Na clase ("mentres Cined emprega o cauce natural para achegarse ao cinema, que é a propia sala, aquí levamos as películas ao espazo emblemático da educación, que é a clase), que este ano está adicado ao cinema primitivo, "así que traballaremos con todos estes trebellos e aparatiños de inventores e científicos que intentaban descubrir como era a visión humana". Finalmente, a terceira parte será o obradoiro de solarigrafía que impartirán Diego Calvín e Otto Roca durante os días do festival.

A través de Cined, alumnos de Secundaria de Galicia poderán ver este ano Pierrot, le fou, de JeanLuc Godard; En construcción, de José Luis Guerin e Il Posto, de Ermanno Olmi. Os rapaces visionan os filmes e despois manteñen un coloquio sobre a película. Non é a primeira experiencia que ten Ángel Santos con mozos destas idades. El mesmo participa na versión española do proxecto Cinema en curs (Cine en curso) a través do que cineastas profesionais coordinan a rodaxe dunha peza en distintos institutos españoles. El conta como reaccionan ante as películas que lle propoñen en Cined. "Sempre hai un punto de estrañeza, porque lles estamos a poñer títulos que están moi lonxe dos seus referentes. Enseguida aparece o me aburro na boca, pero se o ignoras e empezas a tirarlles da lingua, aparecen as reflexións. Acostuman a ver moitas máis cousas das que eles mesmos cren ver". Suso Novás dálle a razón. "Os rapaces están moito máis vivos e teñen moitos menos prexuízos que os adultos, que somos moito menos flexibles".

Para ambos, o papel que xoga o cinema na educación é clave. "Axuda a formar cidadáns curiosos, críticos, sensibles... Cidadáns cunha ampla cultura", di Santos. "Temos que axudar a educar, dende a paixón e o divertimento, a rapaces no cinema", insiste Novás. "Porque o cinema é algo moi epidérmico, moi sensorial, que aspira a remover cousas a nivel emocional e intelectual. Sempre se pode recorrer a el para intentar entender mellor o mundo".

Comentarios