Blog | Quitamerendas

Cora! Cora! Cora!

A cantante e actriz pontevedresa Cora Sayers embárcase pola súa conta ninha xira por Europa

O DÍA que morreu Antonio Vega, Cora Sayers (no DNI Cora Velasco) colleu un autobús a Madrid coa súa nai. Para levarlle flores. Hoxe ensina o nome do cantante e compositor tatuado nun brazo. É un dos capítulos vitais cos que Cora Sayers (Pontevedra, 1991) se vai retratando. Outro: como foi que empezou a cantar. Disposta a abrirse camiño no mundo da interpretación, e tras pasar pola Aula de Teatro Municipal de Pontevedra, que dirixe Anxo Lourido, marchou a Madrid con 18 anos.

Matriculouse nunha escola recoñecida, a de Juan Carlos Corazza, aínda que finalmente non acabou os estudos. "Quizais era demasiado pronto". O caso é que para unha das clases tivo que preparar un exercicio, "o momento íntimo ", que a obrigaba a facer algo que nunca se fixera diante de ninguén. Colleu unha guitarra e cantou Just Like a Wall, de Russian Red. Cando abriu os ollos e observou as reaccións dos compañeiros entendeu que algo importante acababa de pasar. De vez en cando volve tocar ese tema nos directos.

Xa de volta en Pontevedra, Cora Sayers seguiu e segue a desenvolver as súas dúas facetas artísticas. Por unha banda, forma parte da compañía de teatro Baobab. "Precisamente con Andrea Bayer foi con quen comecei a facer teatro sendo cativa". Por outra, publicou o ano pasado o seu primeiro disco, I’m Home. Este quere sacar o segundo. Polo momento, lanzou un tema de adianto, La Ciénaga.


Cora pagou do seu peto o primeiro disco. Farao co segundo. Pecha ela mesma os seus bolos. Cárgase a carreira ás costas


Capítulo tres: cambio de idioma. "Fun a Londres e aproveitei para tocar nun local. Era un concerto moi especial porque xusto despois pinchaba o saxofonista de PJ Harvey [referencia fundamental no Sancta Sanctorum de Sayers]. Pero non foi ben. Non é que pasara nada en concreto, nin que ninguén me dixera nada... Tivo máis que ver cunha sensación persoal. Sentinme incómoda, estraña... Era raro que eu lles estivese cantando na súa lingua materna. Empecei a pensar que non me entendían, que seguro que estaba a dicir cousas sen sentido".

Cambiou ao castelán. "E penso que atinei. Síntome mellor. Máis segura. Reparo máis nas letras. Intento redondealas ao máximo. Traballo doutra maneira". De que fala nelas? "É difícil de explicar como escribo. Falo de cousas que me pasan ou me impactan, medos, frustracións, pero que non trato de xeito literal, senón a través de imaxes". Non lle gusta a obviedade.

Cora Sayers actuou o pasado sábado no Náutico do Grove. Seguiranlle Lugo, Bueu, Cangas, Santiago... Pero, sobre todo, seguiralle unha mini xira europea que preparou pola súa conta, do 25 de abril ao 8 de maio, e que a levará, "montada nun Alsa", de París a Copenhague pasando por Bruxelas e Berlín, entre outras cidades, acompañada pola súa nai e pola súa irmá. "Antiglamour total", di. "Eu que marchei a Madrid en busca de oportunidades, atopeinas todas ao volver a Pontevedra", conta a artista, reflexionando sobre o paradoxo.

En Pontevedra montou a súa empresa de turismo, Turiña (xunto a Rocío Romero); integrouse no ámbito do teatro e do audiovisual, e atopou cómplices indispensables para a súa faceta musical. Por encima de todos eles, Arturo Delgado (Querido Extraño), "boísimo amigo, excelente persoa, un tipo extraordinario ", ao que acompañou ata que se decidiu a lanzarse en solitario. Agora, a súa banda confórmana Nico Lysergic, Pedro García, Gus Isanda e Laura Solla. "Simplemente houbo un momento no que necesitei facer cousas que fosen miñas".

Pagou do seu peto o primeiro disco. Farao co segundo. Pecha ela mesma os seus bolos. Cárgase a carreira ás costas. "Non podo andar agardando por axudas ou por chamadas. Isto teño que facelo eu. Non sei como se fai iso de ir chamando ás portas e convencendo aos demais de que vallo. Non sei venderme". Vai aprendendo a base de paus. "Moitas veces, si. Aprendín a non baixar dun caché, a non pagar por adiantado, a non alugar salas... Tiven experiencias moi malas neste sentido con xente moi desagradable. Non quero pasar por iso nunca máis nin facer cousas que non quero facer. Se me estou pechando portas, que se me pechen. Aínda con todo, sei que merece a pena".

Nos dous últimos anos, Cora Sayers cambiou. Mesmo no seu xeito de enfrontarse á faceta musical. Comezou entendéndoa como un personaxe. Agora prescinde del. "Xa non o entendo así. Pensei que me sería útil para poñerme diante do público, pero decateime de que era algo antinatural. Son eu a que está aí, non outra".

Comentarios