Blog | Quitamerendas

Do outro Salcedo

A 176 kilómetros da parroquia pontevedresa hai outra que presume do teatro do seu Entroido

SEGUNDO O nomenclátor oficial da Xunta, en Galicia hai dúas parroquias que levan o nome de Salcedo. Unha está en Pontevedra. A outra na Pobra do Brollón (Lugo). Na de Pontevedra celebraron este sábado Entroido. É tradición facelo así, tarde. Teñen desfile e Enterro do Pichinela, a figura coa que se despide a festa na contorna. Na outra parroquia transcorre un dos Entroidos populares máis interesantes do interior de Lugo, moi marcado pola presenza dun disfrace, o do Oso, incluído, desde 2008, no Museo Internacional da Máscara e do Entroido de Binche, en Bélxica. A figura do Oso, que sae o Luns de Entroido, baixa acompañado polos seus criados á aldea, para meterlle medo e manchar de feluxe aos veciños e visitantes. É o momento cume dunha festa que ten outro atractivo: as funcións de teatro afeccionado que escriben e representan os veciños. Fano dúas noites, no seu centro social, coas entradas esgotadas dende semanas atrás. Asiste, en total, un milleiro de persoas.

Javier González coñece os dous Salcedos. O de Pontevedra, porque fixo o servizo militar en Figueirido. E o da Pobra do Brollón, porque é de alí. "O fillo do Cuco. Con moito orgullo". Traballador do servizo forestal, estudante de Antropoloxía e concelleiro do PSOE, González é un dos autores destas obras de teatro que levan representándose 60 anos e que involucran a toda a aldea. Entre os primeiros en montar os espectáculos, seu pai precisamente. Herdeiro do espírito festeiro desta localidade, González vén de recompilar nun libro algunhas das obras que escribiu para este teatro do Entroido.

"O teatro é unha arma marabillosa para enfrontarse ao mundo. E rir, a mellor medicina"

"Son todas obras cortas e áxiles. E sempre comedias", explica o autor, que escribiu a primeira peza hai 20 anos e xa non deixou de facelo. "Vin que tiña certa facilidade e que a xente ría. Así que seguín". Por veces escribe só, por veces en colaboración con amigos e veciños. "En Salcedo hoxe non queda unha vaca. Foise perdendo aquela idea de comunidade, aquel espírito case tribal, de colaboración na malla, na leña... O teatro veunos a unir. Funciona como un pegamento social. Por iso queremos que se divulgue o que facemos, para que noutros sitios, onde se sofre tamén esta sangría demográfica, proben a experiencia do teatro". Uns 45 veciños participaron este ano nas súas representacións.

González di que se inspira na realidade. A primeira peza que escribiu saíu da historia real que lle contou un matrimonio da zona. A muller confundírase e, no canto de tomar a súa medicación, tomou unha das pastillas que tiñan na casa para subirlle a libido ás vacas. A peripecia triunfou entre o público. "En calquera sitio, na sala de espera da consulta do médico, mentres arranxas papeis para algunha cousa, nunha conversa de cantina, se te fixas un pouco, atopas material para traballar. Eu collo a idea e lévoa ao extremo cómico". E iso faille moita graza á xente, que se recoñece na parodia e se identifica cos protagonistas. "Despois, cada un ten as súas teimas. Por exemplo, eu, nas obras que escribo para os cativos, fuxo de textos infantís convencionais". En Salcedo este ano participaron 15 cativos nas representacións. "E subindo. Temos unha canteira marabillosa". Mesmo debutou unha cativiña de mes e pico de vida. "O que dá idea da intensidade coa que se vive o teatro en Salcedo". A cousa é que a Javier González non lle gusta poñer aos nenos a representar obras infantís habituais, de textos simples e tramas inofensivas. "Eu involúcroos sempre en cuestións de actualidade que lles afectan ás súas familias e que teñen un punto reivindicativo. Por exemplo, o ano pasado, a súa peza transcorría durante as protestas dos produtores de leite. E este ano aproveitei esas 40 convocatorias electorais que sufrimos para xogar con iso". Así que enfrontou aos Aldeáns (Ciudadanos), cos Mareados (Mareas), os Pepes (PP), os Socialistos (PSOE) e os do PIS (Partido Independente de Salcedo), entre outros. "O teatro é unha arma marabillosa para enfrontarse ao mundo".

Dúas cuestións marcan as pezas de Javier González. Só escribe finais felices. "Para finais dos outros xa chega a vida. Nos meus, a xente da aldea sempre gaña". Imponse aos poderosos, aos abusos e á burocracia. E sempre comedias. "Rir é a mellor medicina que existe. A humanidade esqueceuse de rir e é algo fundamental. Demasiada individualidade e demasiada competitividade. Foi a lección que saquei do meu paso polos Yellow Pixoliñas [grupo de Monforte de Lemos enmarcado no movemento bravú, do que González foi batería], hai que rir de todo, empezando por nós mesmos".

Comentarios