Blog | Quitamerendas

"A arte non é inocente"

A campesiña, de Elvira Santiso, é un dos cadros nos que se detén o percorrido Ocultas trala representación: a imaxe da muller na arte, que desenvolve o Museo de Pontevedra (mercores, xoves e o venres, 18.00 horas, acceso libre) aproveitando a conmemoración do Día da Muller. "A través desta peza achegámonos á figura da muller artista, á dificultade que tiña para formarse e ás renuncias que tiña que facer para conseguilo, case sempre no ámbito persoal. Un exemplo de todo isto é a propia autora da obra", explica Andrea Lago.

As viguesas Andrea Lago (afincada en Pontevedra) e Paula Bernárdez, licenciadas en Historia da Arte e bolseiras do Gabinete Didáctico do Museo de Pontevedra, son as dúas mozas que deseñaron esta actividade. "Fíxate que precisamente estas dúas cousas, as actividades temáticas e o papel que xogan os nosos bolseiros, son das que máis orgulloso e satisfeito me sinto", confesa o director da institución, Carlos Valle. "Grazas a este tipo de propostas que se fan aproveitando datas concretas, a xente repara en determinadas pezas da colección permanente, que habitualmente quedan ocultas polo conxunto", explica. "Por outra banda, as institucións teñen que renovarse e contar de xeito permanente con equipos que inclúan xente en proceso de formación. Eu, de feito, son produto da canteira do Museo. Estou particularmente orgulloso do traballo e da involucración desta xente nova, sempre motivada".

Andrea Lago conta que lle deron voltas a varias ideas para conmemorar o 8 de marzo. "Finalmente perfilamos este eixe temático". As mozas trataron de fuxir do obvio, de facer un roteiro por distintas pezas de mulleres artistas, e apostaron por deseñar un percorrido que permitise reflexionar sobre a representación feminina no mundo da arte. Aínda así, entre máis de 20 pezas, dúas obras de mulleres artistas acabaron incluídas na proposta: unha, a de Elvira Santiso; a outra, de Maruja Mallo. A través de todas elas proponse unha reflexión sobre distintas temáticas transversais. "A conclusión principal á que chegamos é que a arte non é inocente. As imaxes artísticas non son neutras. Contribúen a crear e a difundir determinados estereotipos femininos, como pasa hoxe coa publicidade ou co cine". Por suposto, como no resto dos ámbitos sociais, isto foi evolucionando. "De calquera maneira, convén diferenciar entre o que é a arte feminina, ou de representación feminina, e a arte feminista. Esta última hoxe en día cobrou unha grande importancia", o que é unha boa nova. "Por suposto. Que ese discurso chegase ao mundo da arte é fundamental".

O percorrido de Ocultas tras a representación comeza parándose diante das arracadas castrexas e remata fronte á Cabeza de negra, de Maruja Mallo. "Na primeira parada propoñemos unha reflexión sobre o mito do matriarcado no mundo celta. Hoxe todo parece indicar que non houbo tal matriarcado, aínda que a figura da muller fose clave. Pero o caso é que axudou a cimentar o mito da muller galega forte e traballadora. De feito, relacionamos esta parada cunha das últimas do percorrido, na que nos referimos ao galeguismo". No caso da obra de Maruja Mallo, creadora á que este ano se lle adica o Día das Artes Galegas, Lago explica que se escolleu como novo modelo de muller. "Xa non se trata dunha figura subordinada ao home. Rematamos con esta peza propoñendo un camiño aberto cara outra sociedade e outra arte, cunha muller menos oprimida".

A proposta do Museo complétase este mércores (20.00 horas, entrada libre) cunha conferencia da conservadora Ángeles Tilve. Falará, no auditorio do Sexto Edificio, de O traballo feminino a través da obra Las cigarreras, da autoría de Gonzalo Bilbao, unha obra que retrata ás mulleres na fábrica de tabaco de Sevilla.

Comentarios