de actualidad
El presidente de Turquía, el islamista Recep Tayyip Erdogan Recep T. Erdogan
La vida en un hilo / A vida nun fío

Ramón Rozas

Votacion: 
5 (1 voto)

Horizontes

Estremece o corpo e belisca a alma ter nas mans a reedición que de 'De catro a catro', en edición facsimilar, ven de sacar do prelo a editorial Alvarellos. Un dos textos máis singulares da lingua galega, exemplo de modernidade literaria, referencia na vida daquel Manoel Antonio (Rianxo, 1900-1930), cheo de misterios, de travesías mariñas e de verbas xurdidas deses ronseis, é o que se presenta ante nós cun primor e fermosura como poucas veces nos atopamos. Toda unha homenaxe á escrita de Manoel Antonio pero sobre todo ao seu xeito de vida e á conformación dunha personalidade fascinante dentro do noso universo literario.

O respecto a ese formato de caderno de contabilidade achéganos á naturalidade da súa xénese, cando aquel poeta embarcado no pailebote Constantino Candeira afundiu as súas miradas fronte o horizonte nese debe e haber para o que nacera o caderno. A súa poesía tamén veu para rachar cunha poesía demasiado soterrada na terra, afogándose no seu propio osíxeno, afastada dos ventos novos que chegaban dende as vangardas. Manoel Antonio foi a nosa vangarda poética, o que mudou, como fixo co destino dese caderno, a maneira en que a palabra no verso nos interpreta. Foi unha airexa que pasaba cada páxina dese caderno no que se desterraron os números en favor das letras. A travesía actual da nosa poesía arrinca nestas páxinas salgadas, cheas de mares, velas, soles, estrelas, ronseis, mariñeiros, adeuses ou naufraxios que se ían asentando nunhas liñas de emocións que se suceden xornada tras xornada, marea tras marea, verso tras verso, horizonte tras horizonte.

Travesía, Balada do pailebote branco, O cartafol do vento, A estrela descoñecida, Ao reverso da noite... poemas que se van sucedendo e que un, ao tempo que le, sénteos dentro de un, ata o punto de ter a necesidade de acariñar esas páxinas, de pasarlles a man por riba dese rastro de lápis grazas á tactilidade que acada unha edición ao coidado de Anxo Tarrío e co pulo dun editor, Henrique Alvarellos, cada vez máis afouto no seu labor. Desenvolvendo un traballo que tamén ten moito de travesía, de sucar mares embravecidos e de medos, só superados polo amor polos libros e a paixón polo traballo. Cada novo libro é un novo porto, pero hai portos e portos, e este é un dos bos, como foron os de Montevideo, Pernambuco ou Bos Aires nas travesías do poeta.

A tormenta chegou, e Manoel Antonio comezou a cuspir sangue. A tuberculose, que ata para iso foi bo poeta, como Bécquer, Keats ou Miguel Hernández. Voltou ao seu Rianxo a morrer, a terra inzada de Paio Gómez Charino, Castelao ou o seu colega de revolución Rafael Dieste. Unha gaita chorouno no seu funeral para fundirse cun mar que deixou de ser inspiración para ser infindo.

Poucos volveron a mirar ao mar como el. Poucos foron Máis alá para facer da poesía emoción dende unha posición estética, o berro do 27 que petou nos cantís dun Atlántico de partida máis que de chegada. As escumas desa poesía regresan agora a todos nós dun xeito que non podiamos imaxinar, todo un agasallo do que gozar neste Nadal que o mundo obstínase en esnaquizar sen compaixón algunha dende unha tolemia que fai palidecer ás palabras. «Encheron-nos o vaso/con toda a auga d’o Mar/para compor un cock-tail de horizontes», e é que ao final todo é unha cuestión de horizontes.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.