Por que gris?
Mamá, falta moito? preguntei, aburrida de estar no coche.
-Só un par de quilómetros, Lucía.
-Por que teriamos que mudarnos! Co ben que estabamos en Barcelona...
-Ofrecéronme un traballo de profesora mellor que o de alá.
Calei. Ao chegar instalámonos nunha vella casa de pedra.
Chegamos un domingo. Ao día seguinte iría ao novo instituto. Estaba moi cansada e fun durmir.
O luns pola mañá, mentres camiñaba ao meu novo colexio sen ningunha amiga coa que falar, pasei ao lado de varios nenos. Todos vestidos de gris.
Xusto antes de chegar á escola, pasei por diante dun calello. Non se vía o final. Fixeime no nome e quedei aterrada. Era arrepiante.
Cando entrei no instituto, xa máis calmada, notei que todos me observaban. Corredores ateigados de nenos vestidos de gris, mirábanme fixamente.
Mentras ía á miña clase, pensaba. Pensaba no raro que era a escola toda gris, o mesmo ton de gris e, ao contrario que no meu antigo instituto, non se oían risas nin voces. Eses pensamentos entretivéronme ata chegar á aula. As clases foron aburridas. Tocou o timbre e saín ao recreo. Un neno achegóuseme e díxome:
-Nova, non si?
Asentín coa cabeza. Fixeime nos seus ollos. Eran estraños, dunha cor azul opaca. Cando os miraba sentía que unha alma, escondida, me pedía auxilio dende a retina.
Tocaba plástica. Unha profesora mandoume facer un debuxo coa alma. Debuxeime a min mesma pintando. Colleumo e debuxoume unha raia nun brazo. Sentín dor, coma se sangrase. Mirei para o meu brazo e sangraba, pero non era un sangue normal, era dunha cor agrisada.
Entón entendín que non duraría moito en Santander, entendín que ese instituto non era para aprender, entendín o que puña no calello. Saín correndo, berrando. Temendo que fose demasiado tarde... Ou xa o era?.
Tais González Álvarez IES Castelao (Vigo)
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
In the darkness (Epílogo)
Alí era o fi nal do camiño. Desfixera todo, e non quedaba nada por recuperar. Jean, Katherine, Sylvie...
Volvemos ao comezo, cando todo era coma antes, pero iso non solucionaba nada; eles están mortos. E aquí estamos nós, ollándonos coas bágoas nos ollos, collidos da man. Perdémolo todo, e para min non serve de nada seguir aquí sabendo todo o que pasou, xa que somos os únicos que o sabemos. Chove con forza sobre nós e estamos pingando, mais non nos importa. Apenas noto o corazón, estalado en mil anacos. Miramos abaixo. O precipicio está moi alto, pero unha promesa é unha promesa.
Apértolle a man con forza e Skyler mírame. Ao velo, venme o recordo daquela noite, cando me dixera que pensaba que estaba a morrer e nos puxemos a chorar na cama e fixemos esa promesa. Miro o meu colgante e penso en Blye e en Denuvé. Entón abrazo a Skyler e abrázame con forza. Bicámonos e deixámonos ir. Que as nosas linguas bailen por última vez no baleiro da esperanza mentres as nosas bágoas se mesturan.
Teño medo, pero á vez estou segura do que fago; ninguén nos precisa aquí. A textura cálida dos seus beizos mollados pola choiva fai que adormeza.
É entón cando o bordo rompe e caemos ao baleiro. Abrazámonos forte, sen soltarnos. Remataremos como comezamos: unidos.
Xiramos no aire á vez que caemos libres. As nosas almas están preparadas. Pola miña mente pasa toda a miña vida en apenas segundos, detalles da experiencia.
Algo golpea o meu corpo cunha grande intensidade. Non sinto nada. Movo a vista e vexo a miña man aferrada á súa, ao último latexo.
O ceo está fermoso, e as nubes serán, agora, as que fagan correr bágoas polos meus ollos.
Érika Leal Falcón IES Francisco Asorey (Cambados)