Blog

A sombra negra dos meus soños/Canoli

A sombra negra dos meus soños


ELENA LEVABA tempo tendo uns pesadelos negros como a noite. Súa nai mercáralle cazadores de soños para que puidese durmir. Na casa había moreas, algúns ata enterrados.

Un día, estando na casa dos tíos, soñou que tropezaba e caía ao chan. Todo sucedeu moi rápido pero deulle tempo a distinguir unha figura. Aquela figura levaba tempo roubando os seus soños, e non era a primera vez que a vía. Esa noite o seu curmán chorara en soños. Elena, que nos seus soños podía ir aos doutros, achegouse aos do seu curmán, pero en canto a viu, aquela figura desapareceu e a nena espertou. Tentou volver durmir, pero cada vez que fechaba os ollos non facía máis que soñar con aquela situación.

Ao día seguinte foi preguntarlle ao seu curmán con quen soñara, el díxolle que soñara que estaba xogando ao balonmán e que saía unha quenlla do balón. Elena decatouse de que na cama do seu curmán había unha pelotiña e coidou que soñara aquilo porque esa pelota estaba na cama. 

Esa noite, Elena foi durmir cun cazador de soños e un lapis; o cazador de soños para capturar a sombra a e o lapis para servirlle de arma. Fechou os ollos e estaba nun prado, co cazador de soños nunha man e unha variña máxica na outra. Da nada apareceu un león. Elena colleu a variña e converteuno nun coello, e así quince leóns máis que saíron. Detrás deles apareceu o ser que vira. Achegouse a ela con outra vara máxica e cun movemento rápido tirou a vara de Elena. Elena botoulle o cazador de soños na cara. Houbo un estoupido de cores.

Nese intre Elena espertou e ao seu carón estaban o lapis e o cazador de soños totalmente esnaquizado. Elena botouse a durmir e dende esa a sobra que roubaba o seus soños non se atreveu a molestala máis.


Leyre Castro del Río ( CEP Sequelo, Marín)



Canoli


CASE NON me lembro de cando foi a última vez que vin a miña nai e a meus irmáns e xa dubido se algunha vez existiron. Agora estou só, buscando a vida para poder durmir nalgún sitio quente ou para levar algo á boca e, moitas veces, resúltame unha tarefa moi difícil.

Sempre que me acerco a alguén para pedirlle comida rexéitame, e teño que fuxir do seu lado. Non entendo por que ninguén é capaz de compartir comigo un pouco da súa comida. Como se isto fose pouco, os días fanse cada vez máis curtos e as noites máis frías e intento agacharme nalgún recuncho onde non chova e onde ninguén me faga mal cando estou a durmir.

Hoxe amañeceu un día solleiro e, para a miña sorpresa, alguén se me acerca.

Creo que algo bo vai pasar e mentres o estou pensando, case sen darme conta, aparezo dentro dunha gaiola. Lévanme a un sitio frío, con ruído e, mentres intento ver todo, quedo durmido como por arte de maxia, ata que esperto nun lugar totalmente diferente, onde os ollos máis bonitos me observan dunha forma que non entendo, pero a súa dozura faime sentir moi ben. Acarícianme a cabeza como nunca antes o fixeran e doume conta de que me fai moi feliz; e empezo a roufeñar como cando miña nai me acurrunchaba. Entón, decátome de que son un gato e a nena que me mima será para sempre a miña mellor e máis cariñosa amiga, a que nunca me deixaría pasar fame nin frío.

Este relato está dedicado a todos os cans e gatos que non teñen familia.


África Bandín Mera (CEIP Escultor Acuña, Vigo)

Comentarios