Blog | Pontevedreando

Unha nova onda vital

DÁME IGUAL que sexa violento, un exemplo desastroso para os pequechos, toma, toma e toma por aquí, voute esnaquizar, verme noxento, por alá, porque afundirse no mundo politicamente correcto de Heidi, Dora a Exploradora e a Doutora Xoguetes non prepara para a xungla da vida diaria e nunca está de máis saber como se lanza unha onda vital en condicións.

E dáme igual que non se entenda que As Bolas do Dragón fixeron máis pola normalización lingüística deste país que os sesudos plans da Xunta de Galicia, porque os datos están aí e calquera neno castelán-falante que crecera a principios dos 90, de Pontevedra a Ribadeo, sabe o que é un feixón por Son Goku, non polas clases de galego ou os libros de texto.

Por suposto dáme igual que de tódolos candidatos ás eleccións do 24 de maio ninguén respondese no test persoal das entrevistas que o seu programa favorito da infancia era Dragon Ball, todos con Bonanza e cousas polo estilo, aínda que iso para min constituíse claramente un factor de desafección política para os que temos trinta e pico.

Tamén me dá igual que non estea asentado o concepto Xeración Xabarín , como si estivo a xeración dos ninis, a dos mileuristas, os X, os Y e todo o alfabeto por aí adiante, porque sabemos quen somos, non nos fan falta etiquetas, e se te pos farruco invocamos en manada aos superguerreiros.

Incluso me dá igual que a canción orixinal da serie metera un galo de tal calibre que aínda produce estupor, poderémolo atrapaaaaar, que a miña mai tapase as orellas para non oílo e que nós, cun sentido musical e unha entoación digamos que mellorables, o fixeramos aínda peor, porque o importante é o espírito, o ritmo, duduá-duduá, as ganas, e todo o demais son cousas de puristas que non entenden o millón de recunchos e de complexidade interior que ofrece, por exemplo, o personaxe de Piccoro.

E xa metidos en faena, dáme igual que non pronunciaras ben os nomes, que dixeras durante anos, coma min, Frifer en vez de Freezer, nube Kingdom en vez de nube Kinton, técnica de Cairo en vez de técnica de Caido, Tensiang en vez de Ten Shin Han e así cunha morea de cousas, porque somos lexión, sobrevivimos ao paso do tempo, e os erros están perdoados.

O que non me dá igual son outras cousas. Que non saibas, por exemplo, que hai un movemento en Facebook promovido por un tal Ben Díaz que está decidido a que a nova versión de Son Goku, Dragon Ball Super, sexa emitida pola TVG e, a ser posible, cos dobradores memorables que deron personalidade propia ó mestre Mutenroi, a Célula, a Tou Pai Pai ou a Vexeta , porque as cousas importantes hai que sabelas, difundilas e, de paso, darlle a ‘me gusta’.

E tampouco me dá igual que non vexas a importancia de que Son Goku ou a súa familia ou os seus compañeiros de planeta, sigan falando galego, porque iso significaría que non leches os parágrafos anteriores, que non che daba grimiña cando algún madrileño che falaba dun tal Goku e que non caías de cu ó ver como se lanzaba unha forza universal en castelán, maldicindo, que carallo, porque eses non eran os mesmos debuxos cos que ti soñabas.

Os guerreiros do espazo (daquela eran do espacio), o planeta Nameg, as bragas que pediu Olón, as dúas primeiras derrotas no torneo mundial de artes marciais, Bulma, Satán, a espada de Toranks e as auras dos santos resucitados forman parte da memoria sentimental de toda unha xeración. Hai que conseguir eses dereitos. Axiña. Á TVG non lle convén levarnos a contraria: dende que aprendimos aqueles golpes, aquelas recuperacións ó estilo Rocky e aqueles iaiaiaiaiaiaiaiaiaiaia nunca foi un bo negocio tocarnos as bolas. As bolas do dragón, que diso é do que estamos falando.

Comentarios